Axudas para o fomento de plantacións de castiñeiro para froito e para a rexeneración e/ou mellora de soutos tradicionais de castiñeiros no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia de España, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU
Prazo
Prazo de presentación: ABERTO
06/02/2023 00:00 – 11/04/2023 23:59
1. O prazo de presentación de solicitudes será de 45 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
2. Os traballos solicitados na solicitude de axuda non poderán iniciarse antes da inspección previa a que se refire o artigo 20 desta orde e estarán condicionados á aprobación da axuda.
OBXECTO
Esta orde ten por obxecto establecer as bases que regulan as axudas para o fomento de plantacións de castiñeiro para froito e para a rexeneración e/ou mellora de soutos tradicionais de castiñeiros, e proceder á súa convocatoria para o ano 2023, en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento administrativo MR670D).
Liñas de axudas
As liñas de axudas obxecto de subvención son as seguintes:
– Liña I: fomento de plantacións de castiñeiro para froito.
– Liña II: rexeneración e/ou mellora de soutos tradicionais de castiñeiro.
Estas dúas liñas contribúen á restauración dos ecosistemas naturais, conforme o establecido na liña de investimento 3 do compoñente 4 e contribúen á consecución do obxectivo 71, Actuacións de restauración de ecosistemas, do PRTR: polo menos 30.000 hectáreas cubertas por actuacións finalizadas de restauración de ecosistemas en territorios ou ecosistemas degradados.
A QUEN VAI DIRIXIDO?
1. Poderán ser beneficiarias as entidades locais e as persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares dos terreos obxecto de axuda, entendendo por titulares tanto propietarios como arrendatarios ou xestores dos montes ou terreos forestais e/ou dos seus aproveitamentos, que actúen mediante arrendamentos, cesións ou contratos plurianuais coa propiedade cuxo obxecto sexa inequivocamente a xestión do monte ou terreo forestal e/ou agrícola e/ou dos seus aproveitamentos, e non sexan incompatibles cos compromisos a que están obrigadas as persoas beneficiarias ao abeiro do establecido na presente orde e na normativa aplicable.
2. Así mesmo, poderán ser persoas beneficiarias as agrupacións forestais de xestión conxunta, incluídas as sociedades de fomento forestal (Sofor), que estean inscritas, de instancia ou oficio, no Rexistro de Agrupacións Forestais de Xestión Conxunta, ou no Rexistro das Sofor, e os axentes promotores produtivos que, ao abeiro do establecido na Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, sexan adxudicatarios de propostas de actuación nos polígonos agroforestais de iniciativa pública ou nos polígonos cortalumes ou que sexan promotores de polígonos agroforestais de iniciativa privada. Tamén serán persoas beneficiarias aquelas cuxas propostas para o aproveitamento de parcelas incorporadas a aldeas modelo, ao abeiro do establecido na Lei 11/2021, do 14 de maio, resulten seleccionadas. Tanto os polígonos agroforestais como as aldeas modelo, deberán estar rexistrados respectivamente, no Rexistro Público de Polígonos Agroforestais e no Rexistro de Aldeas Modelo da Comunidade Autónoma de Galicia regulados na devandita lei.
– Os beneficiarios deben cumprir os requisitos establecidos nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
– As CMVMC deberán estar legalmente constituídas e regulamentariamente inscritas no Rexistro Provincial de CMVMC, de acordo co disposto no artigo 57 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, para poder acceder a estas subvencións e cumprir co disposto no artigo 125 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e no Decreto 23/2016, do 25 de febreiro, polo que se regula o reinvestimento dos ingresos obtidos polas CMVMC en actuacións de mellora e protección forestal, como moi tarde o día en que remate o prazo de solicitude da axuda. En calquera caso, seralles de aplicación o réxime transitorio disposto na disposición adicional sétima da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.
– Non poderán ser beneficiarias aquelas empresas que entren dentro da categoría de empresas en crise, de acordo coa definición do Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea. Unha empresa está en crise cando concorre polo menos unha das seguintes circunstancias:
a) Tratándose dunha sociedade de responsabilidade limitada, cando desaparecese máis da metade do seu capital social subscrito como consecuencia das perdas acumuladas, circunstancia que sucede cando a dedución das perdas acumuladas das reservas (e de todos os demais elementos que se adoitan considerar fondos propios da sociedade) conduce a un importe acumulativo negativo superior á metade do capital social subscrito.
b) Tratándose dunha sociedade na cal polo menos algúns socios teñen unha responsabilidade ilimitada sobre a débeda da sociedade, cando desaparecese polas perdas acumuladas máis da metade dos seus fondos propios que figuran na súa contabilidade.
c) Cando a empresa estea inmersa nun procedemento de quebra ou insolvencia ou reúna os criterios establecidos legalmente para ser sometida a un procedemento de quebra ou insolvencia por pedimento dos seus acredores.
As pemes con menos de tres anos de antigüidade non se considerarán empresa en crise salvo que cumpran a condición establecida na letra c).
Para verificar o cumprimento deste requisito, as empresas solicitantes deberán declarar na solicitude que non se encontran en situación de crise conforme a normativa comunitaria.
– Non poderán ser beneficiarias aquelas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
Documentación para a presentación
Anexos asociados
Para calquera tipo de dúbidas podedes poñervos en contacto connosco no correo info@hifasforesta.com
Podes consular outras axudas e subvenciones aquí.
0 comentarios