As mancomunidades de montes veciñais de man común non son de agora. Xurdiron no século IV coa división do noso territorio en parroquias. Hoxe en día constitúen unha entidade ben definida que cumpre un importante labor de apoio á vida das xentes e así o fixeron dende os seus inicios, pois durante moitos anos proporcionaron pasto, leña e estrume, recursos moi necesarios para unha sociedade vinculada á terra.

A pesar desto, co paso do tempo, estes montes foron considerados como terras en mans mortas por certos políticos de Madrid. Mesmo Fomento, en 1858, quixo vendelas para obter cartos para o Estado, naquel momento, arruinado. Foi a defensa dos servizos forestais declarando a súa importancia para os veciños o que salvou a moitos deles da desastrosa desamortización de Madoz.

Hoxe en día —e dende hai 28 anos— a Asociación Forestal de Galicia (AFG) loita para que os montes veciñais non se destrúan, amparando así unha xestión comunitaria que supuxo grandes sacrificios e moito traballo para os veciños, aínda que tamén permitiu chegar ao punto onde nos atopamos. Nos nosos días, o monte veciñal, xunto coa nosa lingua galega, é o símbolo de maior importancia na identidade deste país, e sigue tendo unha importante función social.

O MMCVV, como parte do sector forestal galego, é un dos piares máis potentes da nosa economía e como tal representa unha importante fonte de traballo e enerxía concentrada na madeira e noutros recursos que aportan máis de douscentos de millóns de euros. Entre estes recursos, o lecer e a cultura son dos máis importantes e neles, estes montes cumpren un importantísimo papel para os cidadáns.

Viaxando con imaxinario podermos facer un breve repaso polas grandes cidades de occidente como son Nova York, Londres ou Madrid, urbes que demostran o importante que é ter estes espazos verdes:

  • En Nova York, concretamente en Manhattan, contan cun parque de 341 ha que é un dos maiores atractivos da cidade. Trazar e ordenar este espazo custou máis de cen anos, tempo no que tamén se investiron millóns de dólares e xurdiron moitos problemas.
  • Londres, pola súa banda, conta con mais de 1 700 parques que ocupan a décima parte da cidade. Paseando por Hyde Park, Regent Park, Green Park ou Kew Garden, entre outros, un decátase dos valores que estes espazos verdes aportan á calidade de vida dos cidadáns e turistas. Naturalmente as equipos de traballadores necesarios para manter estes parques supoñen un altísimo custo para esa cidade que, sen embargo, vese compensado co altísimo atractivo que teñen.
  • Chegando a Madrid, xa con outra climatoloxía, observamos que esta cidade tamén presume de ter grandes espazos abertos para o gozo dos cidadáns. O Retiro, no centro; o Parque do Oeste; A Casa de Campo e o Monte do Pardo con 16 000 ha de monte son algúns exemplos. Todos estes espazos foron cedidos polo Patrimonio Nacional e hoxe fan desta cidade unha das que conta cunha maior dispoñibilidade de zonas verdes en Europa.

Se nos centramos en Vigo, comprobamos que estamos ante unha cidade privilexiada pola súa situación xeográfica e polo seu clima. A máis das praias e do Castro, da Guía e dos parques urbanos, conta con 1 560 ha de monte veciñal, propiedade privada dos veciños de trece parroquias, pero aberto ao gozo de toda a sociedade da contorna. Montes atendidos polos comuneiros que preservan unha grande materia forestal produtiva, xeradora de osíxeno e captadora de carbono, a máis da riqueza arqueolóxica con mámoas, castros e petróglifos; unha marabillosa riqueza paisaxística.

Francisco Fernández de Ana Magán, 20 de xullo de 2013.

0 comentarios

Enviar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

0
    0
    Carrito
    Tu carrito está vacioVolver a la tienda